portada-seminario-lugo

Historia Recente

A Historia recente do Seminario comeza coa construcción e inauguración do edificio actual, un dos emblemas arquitectónicos da cidade de Lugo.

5. NOVO EDIFICIO

A finais do século pasado o antigo edificio onde viña funcionando o Seminario facíase incapaz para acolle-la crecente demanda de aspirantes ó sacerdocio e, como non era posible pensar nunha ampliación do edificio existente, polo lugar no que se atopaba a carón da muralla e porque ademais resultaría unha obra pouco esbelta feita de remendos, empezou a pensarse na cosntrucción dun novo edificio para o Seminario.

Foi o bispo Fray Gregorio Aguirre quen acometeu a empresa da edificación do novo Seminario. Encomenda a obra ó célebre arquitecto lucense, o Sr. Cobreros, que comeza a edificación no ano 1888. O novo Seminario encóntrase acabado no mes de xullo 1893. Trátase dun edificio que aínda actualmente pode considerarse como un dos máis vistosos de Lugo e, no seu tempo, foi un dos mellores seminarios de España. O curso de 1893-1894 foi inaugurado no novo edificio.

6. TEMPOS MODERNOS

A primeira mitade do século XX caracterízase por unha constante ampliación de locais para atende-las numerosas peticións de ingreso nos estudios do Seminario. Constitúense en diversos lugares da Diócese preceptorías, que eran centros onde se cursaban os catro anos de Latinidade.

O 12 de setembro de 1929 o bispo D. Rafael Balanzá y Navarro funda o Seminario Menor nun edificio adquirido ós H.H. Maristas, actualmente desaparecido. Así mesmo amplía o edificio do Seminario Maior construindo un pabellón adosado pola parte de atrás, con planta baixa e dous pisos.

Posteriormente en 1946 inaugúrase un novo pabellón para Seminario Menor, ó lado da muralla, actualmente cedido ó Concello de Lugo para establece-las oficinas municipais de servicios. En toda esta primeira mitade do século, ata os anos 70, os estudios teolóxicos do Seminario coñeceron unha etapa de esplendor, tanto polo número de alumnos como pola importante labor dos profesores, de gran valía e dedicación, e pola actividade académica desenrolada.

A organización dos estudios teolóxicos neste tempo experimenta unha forte actualización e renovación de acordo coas novas adquisicións nas ciencias relixiosas: auméntase e número de asignaturas con novas disciplinas, utilízanse como libros de texto autores recoñecidos da chamada Neoescolástica, dáselle maior extensión ós estudios de Sagrada Escritura.

7. ETAPA POSTCONCILIAR

A partir do Concilio Vaticano II, na década dos anos 70, experimentouse, como en tódalas dióceses de España, un notable descenso nas vocacións sacerdotais, coa conseguinte disminución de alumnos nos estudios teolóxicos. En vistas da escasez case total de alumnos nos Estudios Eclesiásticos, no ano 1976 suprímese esta ensinanza no Seminario de Lugo. Os poucos candidatos ó sacerdocio cos que conta a diócese de Lugo van face-los estudios eclesiásticos ó Instituto Teolóxico Compostelano residindo no Seminario Maior da Archidiócese.

Ante o incremento de alumnado, a problemática causada pola ausencia dun claustro na Diócese e a escasa inserción dos seminaristas na vida diocesana, decídese restaurar, no curso de 1986-1987, os Estudios Eclesiásticos no Seminario Diocesano. O plan académico nestes Estudios teolóxicos restaurados é o aprobado pola Conferencia Episcopal Española para os seminarios diocesanos.

8. INSTITUTO TEOLOXICO LUCENSE

Para darlle unha maior dignidade académica ós Estudios Eclesiásticos do Seminario e tendo en conta a recomendación da Conferencia Episcopal Española pensouse en afiliar estes estudios a unha Facultade de Teoloxía. Pareceu que esta Facultade debería ser lóxicamente a da Universidade Pontificia de Salamanca, por ser a Universidade propia da Igrexa Española, polos vínculos históricos que a diócese de Lugo posúe con esta Universidade e por pertencer ó ámbito xeográfico da súa influenza.

No curso 1997-98 empezáronse a facer as xestións necesarias para isto. Despois de varios contactos persoais coas autoridades da  Universidade por parte do Xefe de Estudios, o Sr. Bispo Frei Xosé Gómez González, con data 26 de decembro de 1997, envía ó Rector Magnífico da Universidade Pontificia de Salamanca a solicitude de Afiliación dos Estudios Eclesiásticos do Seminario de Lugo á Facultade de Teoloxía de dita Universidade.

Aceptada esta solicitude, realizáronse os trámites oportunos: informe dunha comisión da Universidade, aprobación do Consello de Dirección e da Conferencia Episcopal, e finalmente a Sagrada Congregación para a Educación Católica, con data 3 de marzo de 1999, aproba a afiliación solicitada.De acordo con esta afiliación créase o Instituto Teolóxico Lucense onde se imparten as ensinanzas de Teoloxía con rango universitario e coa facultade de conceder ós alumnos que superen un exame final ante un tribunal mixto de dous profesores do centro e un da Facultade de Teoloxía de Salamanca, o grao de Bachiller en Teoloxía, convalidable civilmente por Licenciado en Estudios Eclesiásticos.

Esta nova estructura dos estudios do Seminario sen dúbida promoverá un rexurdimento no interés dos alumnos e na dedicación dos profesores de gran repercusión para a Igrexa Diocesana.